Glosario de términos históricos: Franquismo, Restauración y Transición

Insegnamento4,6 KB

Glosario de termos históricos

Pactos da Moncloa: Acordos aos que chegaron sindicatos, partidos e organizacións empresariais en outubro de 1977 na residencia oficial do presidente do Goberno, Adolfo Suárez. Os asinantes comprometéronse a traballar a favor da estabilidade do país mediante a consolidación da democracia, a redución da conflitividade social e a adopción de medidas para superar a crise económica que se viña arrastrando desde 1973.

Nacionalcatolicismo: Ideoloxía que defende que a vida política, social e cultural debe estar sometida ás directrices da Igrexa católica. Foi unha das bases ideolóxicas do réxime franquista, que contou co apoio e a aprobación da Igrexa católica. A xerarquía eclesiástica xustificou e aceptou a autoridade de Franco como Caudillo de España pola graza de Deus e, a cambio, impuxo o seu control sobre a moral, os costumes e a educación.

Sindicato vertical: Nome co que era coñecida a Organización Sindical Española durante o franquismo. Foi creado tras a promulgación da Lei de Unidade Sindical de 1940, que ilegalizaba todos os sindicatos de clase existentes e integraba de forma forzosa a todos os traballadores e empresarios (relación vertical) nun mesmo e único sindicato baixo a supervisión do Ministerio de Traballo.

Plan de Estabilización: Conxunto de medidas e reformas económicas aprobadas en 1959, propostas por ministros tecnócratas, que tiñan como obxectivo abandonar o modelo autárquico intervencionista e liberalizar a economía española, conectando así co capitalismo occidental. Sentou as bases para iniciar o forte crecemento «desarrollista» da década dos anos 60.

Sección Feminina: Organización fundada en 1934 como rama feminina de Falanxe Española. Foi dirixida por Pilar Primo de Rivera e, durante o franquismo, monopolizou a educación das mulleres coa finalidade de formar amas de casa, subordinadas aos varóns e destinadas a ter fillos e educalos segundo as normas establecidas polo réxime. Para o seu adoutrinamento creouse en 1937 o Servizo Social, que impoñía a prestación obrigatoria de traballos sociais para todas as mulleres durante seis meses.

Pucheirazo: Un dos métodos de manipulación electoral empregado durante a Restauración borbónica para permitir o triunfo dun determinado candidato. Consistía na substitución no pucheiro (urna electoral) dos votos xa emitidos por outros favorables ao candidato que se desexaba que saíse elixido, ou na modificación da acta do reconto dos votos.

Rexeneracionismo: Corrente intelectual, política e literaria de finais do s. XIX e principios do s. XX que partía da análise dos problemas que padecía España para tratar de rexenerala e modernizala. Xurdiu a partir do Desastre de 1898 e o seu principal representante foi Joaquín Costa, que propugnaba acabar co caciquismo, reducir a pobreza e fomentar a educación.

Semana Tráxica: Semana de violentas protestas populares que tiveron lugar en Barcelona en xullo de 1909 contra a orde de Maura de enviar tropas de reserva á guerra de Marrocos tras a derrota do Barranco do Lobo. A maioría dos soldados eran fillos de familias obreiras, polo que o seu embarque provocou unha folga xeral que deu paso á insurrección e á queima de numerosos edificios relixiosos, sendo duramente reprimida polo Goberno de Maura, que caería pouco despois.

Desastre de Annual: Derrota do exército español en xullo de 1921 fronte ás cabilas rifeñas dirixidas por Abd el-Krim na guerra de Marrocos. Morreron miles de soldados españois e os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a independencia da República do Rif. O desastre agudizou a crise da Restauración borbónica e o desprestixio do exército e de Alfonso XIII, a quen se lle atribuíu parte da derrota.

Expediente Picasso: Informe redactado en 1922 polo xeneral Picasso, baseado na investigación realizada sobre o comportamento de oficiais e soldados na derrota de Annual para determinar as súas responsabilidades. O informe revelaba a neglixencia dos militares, a temeraria actuación do xefe das tropas, o xeneral Silvestre, e a implicación de Alfonso XIII no desastre militar.

Scarica

PDF Word HTML