A ditadura de Primo de Rivera e a Segunda República en España

Insegnamento5,7 KB

A ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)

O 13 de setembro de 1923, Miguel Primo de Rivera, capitán xeneral de Cataluña, contando co apoio de diversas personalidades políticas e militares, deu un golpe de Estado en Barcelona. Os protagonistas xustificaron o acto na situación política e social do momento en España, manifestada en: fracaso da guerra en Marrocos, que provocaba o descrédito do exército; críticas ao rei polas súas responsabilidades no desastre de Annual; radicalización das manifestacións catalanistas, sentidas polo exército como unha ameaza á unidade de España; auxe do terrorismo, tanto anarquista como de pistoleiros pagados pola patronal, que mataban aos líderes obreiros; e medo á subversión social e política, pola incapacidade do goberno para controlar a situación.

O Goberno presidido por García Prieto tratou de que o rei aprobase a destitución dos xenerais sublevados, pero ante a falta de apoio de Afonso XIII, dimitiron. O día 14 de setembro de 1923, o rei chamou a Miguel Primo de Rivera para que asumise o poder, aceptando así o golpe de Estado.

Inicialmente, Miguel Primo de Rivera contou cunha ampla aceptación popular, explicable polo malestar cos políticos dos partidos Liberal e Conservador, e porque a consideraban unha solución transitoria e excepcional para resolver os graves problemas de España. Apoiaron o réxime os terratenentes, a burguesía comercial e financeira e os pequenos e medianos propietarios. Os socialistas non se opuxeron abertamente e mesmo colaboraron coa ditadura ata 1925. Só o Partido Comunista e os anarquistas da CNT mantiveron unha oposición total á ditadura. Así mesmo, mostráronse críticos coa ditadura os intelectuais, como Miguel de Unamuno, os estudantes, os republicanos e algúns dos vellos políticos monárquicos.

Primo de Rivera presentouse a si mesmo como o rexenerador e o "cirurxián de ferro" que necesitaba o "corpo enfermo" de España para recuperar a saúde. Pero o xeneral era un home de escasa cultura e escasa preparación política, simplista, ingenuo e excesivamente optimista. Conservador e católico, fiel aos principios de disciplina, orde e autoridade propios do exército, adoptou para España solucións que imitaban o fascismo italiano de Benito Mussolini.

A Segunda República

Os resultados das eleccións municipais do 12 de abril coñecéronse o día 14. Na gran maioría das cidades gañaron as candidaturas republicanas. En 40 das cincuenta capitais de provincia gañaron os republicanos, e tamén gañaron na maior parte das outras cidades e grandes poboacións, alí onde o voto era máis libre e limpo. As candidaturas monárquicas só gañaron en pequenos municipios onde aínda era importante o peso dos caciques. Coñecido o resultado, con gran entusiasmo proclamouse nos municipios a Segunda República o día 14 de abril de 1931. Ese mesmo día, Afonso XIII decidiu saír de España cara ao exilio en Roma.

Constituíuse en Madrid un Goberno Provisional, que fora deseñado previamente polas forzas republicanas no Pacto de San Sebastián, en agosto de 1930. Ocupou a presidencia Niceto Alcalá Zamora, que decretou unha ampla amnistía, proclamou as liberdades públicas e sindicais e comezou a deseñar as grandes reformas que debían ser levadas a cabo.

O primeiro problema ao que tivo que facer fronte o Goberno foi Cataluña. Francesc Macià proclamara en Barcelona o Estat Català dentro da República Federal Española, pero isto contravía o pactado en San Sebastián, pois a forma do Estado español debía decidirse por unhas Cortes aínda non constituídas. Varios ministros foron a Barcelona a negociar con Macià e decidiron outorgarlle a Cataluña unha autonomía, a condición de que elaborase un estatuto, que este fose aprobado en referendo polo pobo de Cataluña e logo polas Cortes. Desta maneira, nacía a Segunda República recoñecendo o dereito de autonomía das rexións.

As forzas políticas

Na dereita, os que non aceptaban o réxime republicano eran os fascistas (moi minoritarios entón) das Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista de Onésimo Redondo e a Falanxe Española de José Antonio Primo de Rivera (estas dúas forzas uníronse en 1934), e os monárquicos afonsinos de Renovación Española de José Calvo Sotelo e os carlistas de Comuñón Tradicionalista.

Os que si aceptaban o réxime republicano na dereita eran os partidos agrupados na CEDA (Confederación Española de Derechas Autónomas) de Gil Robles, os nacionalistas conservadores da Liga Catalana e o Partido Nacionalista Vasco (PNV), e outras organizacións católicas.

Os propiamente republicanos estaban moi divididos. Destacan o Partido Republicano Radical de Alejandro Lerroux, Acción Republicana de Manuel Azaña, a ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) de Casares Quiroga e Esquerra Republicana dos cataláns Francesc Macià e Lluís Companys.

Na esquerda militaban o PSOE de Indalecio Prieto e a UGT de Largo Caballero, o PCE (Partido Comunista de España) de Dolores Ibárruri, o POUM (Partido Obrero de Unificación Marxista) de Andreu Nin e os sindicatos anarquistas CNT e FAI.

As grandes reformas da República

Unha vez aprobada a Constitución, foi elixido presidente da República Niceto Alcalá Zamora, e presidente do Goberno Manuel Azaña. Este primeiro período republicano caracterizouse pola súa actividade reformista a través de leis innovadoras, que pretendían democratizar a vida política española, modernizar as súas estruturas e mellorar as condicións de vida das clases máis desfavorecidas. Non obstante, estas leis tiveron a oposición frontal dos grupos tradicionalmente poderosos.

Scarica

PDF Word HTML