O franquismo: institucionalización e oposición (1939-1951)

Insegnamento4,52 KB

A consolidación do franquismo (1939-1951)

- A institucionalización do réxime

O réxime caracterizouse pola concentración de todos os poderes na persoa de Francisco Franco. O réxime pretendeu darse legalidade xurídica e elaboráronse unhas Leis Fundamentais, que en nada se parecían a unha Constitución democrática. As cinco primeiras foron:

  • Foro do Traballo (1938): regulación da vida laboral e económica.
  • Lei de Cortes (1942): creación das Cortes, que eran consultivas e non tiñan ningunha representación democrática. Todos os seus membros, os procuradores, eran designados por Franco. Tratábase dunha representación corporativa por terzos (procuradores sindicais, municipais e familiares).
  • Foro dos Españois (1945): carta de principios, dereitos e obrigas.
  • Lei do Referendo Nacional (1945): posibilidade de someter a referendo algunhas leis importantes.
  • Lei de Sucesión (1947): España configúrase como unha monarquía, con Franco como xefe de Estado. Juan Carlos de Borbón foi escollido como sucesor.

Coa Lei de Principios do Movemento Nacional establecíanse os principios do réxime franquista (familia, patria e relixión). Coa Lei Orgánica do Estado (1966) xurdiron os procuradores do terzo militar, elixidos mediante sufraxio polas cabezas de familia. Chamouse “democracia orgánica”.

No plano territorial, en cada provincia había un gobernador civil e un gobernador militar. A Lei de Unidade Sindical (1940) organizou os Sindicatos Verticais, encadrados na CNS. Inspirada no modelo corporativo italiano, establecía que empresarios e traballadores se integrarían nun mesmo sindicato por ramas de produción.

Oposición ao franquismo

A oposición exterior: os republicanos do exilio

Na fase final da Guerra Civil, moitos comprometidos coa República fuxiron a Francia, onde se estableceu unha importante colonia de emigrados españois. Debido á ocupación alemá de Francia, moitos optaron por emigrar a Gran Bretaña e América, sobre todo a México. Outros moitos decidiron permanecer no exilio ou só regresaron tras a morte de Franco.

No exilio desenvolveuse unha moi importante oposición antifranquista, e as institucións da República seguiron funcionando. A maioría das organizacións políticas e sindicais republicanas mantiveron a súa organización fóra de España, aínda que foron decaendo por mor das divisións internas e do progresivo afastamento da realidade social de España. As discrepancias entre as diferentes forzas dificultaron a loita contra o franquismo.

A resistencia no interior

Tras a Guerra Civil, os partidos e sindicatos opositores quedaran desmantelados e tiveron que actuar na clandestinidade, sorteando a represión policial. O máis significativo da actuación da resistencia interior foi o mantemento dunha pequena actividade guerrilleira por parte dos “maquis”, que consideraban que a guerra non terminara.

Ante a inminente caída do nazismo en Europa e a confianza de que iso puidese desestabilizar o franquismo, levouse a cabo a invasión do val de Arán en 1944, acción dirixida polo PCE. A finais da década de 1940 empezou a rexurdir en España un tímido movemento de protesta, protagonizado polas clases traballadoras. En 1948 o PCE decidiu abandonar a loita armada para concentrarse na oposición política.

Tamén houbo conflitos laborais nos sectores téxtil, metalúrxico, químico e naval, e desenvolveuse un importante movemento estudantil contra o SEU.

Xa nos anos 60, ao tempo que se liberalizaba e melloraba a situación económica, intensificábase aínda máis a oposición, que reclamaba un réxime democrático e criticaba a falta de lexitimidade do réxime franquista. A esquerda (PCE e PSOE) tivo un claro protagonismo político ao estar presente na maioría das mobilizacións e conflitos sociais.

Tamén había unha oposición moderada ao franquismo dentro do propio réxime. En 1962, boa parte da oposición moderada, xunto con republicanos e socialistas do exilio, denunciou internacionalmente a ditadura de Franco en Múnich, no Congreso do Movemento Europeo.

Outra peza moi importante na oposición ao réxime foi o movemento obreiro, que promovía folgas para obter dereitos como a redución da xornada e a mellora dos salarios. Disto nacen clandestinamente as Comisións Obreiras en 1964.

Scarica

PDF Word HTML