O problema de Marrocos e a ditadura de Primo de Rivera (1921-1930)
- O problema de Marrocos: Annual
O dominio do protectorado de Marrocos era sostido por unha parte do exército, os chamados militares africanistas, e polo rei Afonso XIII. Empresas españolas tamén mostraron interese pola construción de ferrocarrís e pola explotación das minas da zona. Pola contra, a opinión pública opoñíase á intervención de España, arriscándose a unha nova guerra.
En 1921, unha acción mal dirixida e planificada polo xeneral Silvestre rematou cunha derrota en Annual. O desastre de Annual provocou unha terrible impresión na opinión pública, xa contraria á guerra. Houbo protestas que reclamaron o abandono de Marrocos e tamén a petición de responsabilidades sobre os feitos, o chamado Expediente Picasso, investigación presidida polo xeneral Picasso, que puxo de manifesto grandes irregularidades tanto do exército español en África como do Goberno.
En 1923, antes de que o Congreso emitise o ditame sobre o Expediente Picasso, tivo lugar o golpe de Estado de Primo de Rivera.
A ditadura de Primo de Rivera (1923-1930)
O sistema constitucional e parlamentario iniciado coa Restauración monárquica en 1874 rematou en 1923 cun golpe de Estado militar que estableceu unha ditadura. Os golpistas xustificaron a súa acción argumentando que existía un grave perigo de revolución social.
- A quebra do réxime constitucional
En 1923, un goberno liberal presidido por García Prieto pretendeu levar a cabo unha reforma da Constitución, incluíndo unha maior democratización, a redución da influencia da Igrexa, a limitación dos poderes do rei, entre outras medidas. O proxecto reformista viuse obstaculizado pola oposición do rei, do exército e da Igrexa.
Entre os militares existía un gran descontento polas responsabilidades do Expediente Picasso. Para frear as reformas impulsadas polo Goberno liberal e impedir o debate do Expediente nas Cortes, o capitán xeneral de Cataluña, Miguel Primo de Rivera, impulsou un golpe de Estado militar o 13 de setembro de 1923.
Primo de Rivera xustificouse nun manifesto no que declaraba a súa intención de:
- rexenerar a política;
- acabar co caciquismo e a corrupción;
- recuperar a orde pública;
- garantir a unidade nacional.
A alta burguesía, parte das clases medias, o rei e o exército aceptaron a ditadura como unha solución á crise. Pola contra, a maioría da poboación reaccionou con pasividade ante o golpe de Estado, pois esperaba que o novo réxime acabase co sistema da Restauración. Por iso, a ditadura apenas contou cunha oposición inicial.
- O Directorio Militar (1923-1925)
Todos os membros eran militares. Afonso XIII nomeou a Primo de Rivera presidente do Directorio, un goberno integrado exclusivamente por militares.
Carácter dictatorial
O Directorio declarou o estado de guerra en todo o país, suspendeu a Constitución, disolveu o Parlamento e ilegalizou os partidos políticos e as organizacións obreiras. Tamén instaurou unha política de orde pública moi represiva, prohibindo as manifestacións e as folgas e encarcerando aos principais dirixentes obreiros.
Esta represión reduciu drasticamente os conflitos laborais e acabou coa violencia social e o pistoleirismo.
Éxitos exteriores e lexislación social
Os ataques contra o protectorado francés propiciaron a colaboración militar entre España e Francia, o que deu lugar ao desembarco de Alhucemas (1925), que supuxo o final da guerra de Marrocos.
O pretendido carácter rexeneracionista do Directorio Militar concretouse nunha lexislación social. Estes primeiros éxitos deron popularidade a Primo de Rivera, que en 1925 decidiu cambiar a composición do Directorio.