Literatura galega de posguerra (1936-1976): poesía e prosa

Classificato in Altre lingue straniere

Scritto il in italiano con una dimensione di 13,36 KB

A poesía entre 1936 e 1976

Como consecuencia da guerra civil desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só é posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fan poesía crítica e de compromiso. Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes, o primeiro libro destacable pola súa calidade. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro, e no ano seguinte constitúese a Editorial Galaxia, que abre o camiño para novas editoras en galego.

Esta anómala situación provoca que vexan a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:

  • I. Xeración do 36: Poetas nados entre 1910 e 1920; a guerra cólleos na súa xuventude, mais foron educados no ambiente cultural do nacionalismo de preguerra. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes. Forman parte dela, entre outros, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, etc.
  • II. Promoción de Enlace: Nados entre 1920 e 1930. Tampouco son un grupo coherente; cada quen trata de buscar o seu estilo. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada, bastante illados da cultura europea. Destacan Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...
  • III. Poetas das Festas Minervais: Nados entre 1930 e 1940, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xohana Torres ou Xosé Luís Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto, e colaborando no diario La Noche ou na colección Illa Nova de Galaxia. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas, contribuíndo a crear as organizacións nacionalistas de esquerdas.

Evolución das tendencias poéticas

Nun primeiro momento continúan tendencias poéticas de preguerra tematicamente non comprometidas: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco irán aparecendo formas novas nesta posguerra (aínda que xa tratadas antes na nosa literatura): intimismo —seguindo a liña iniciada por Rosalía de Castro—, clasicismo... A forma poética máis característica será a Escola da Tebra ou «poesía do neboeiro»: poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas.

A finais dos anos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa, abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados dos anos 70, cando comeza a producirse a súa decadencia pola abundancia e polo descenso de calidade poética, caendo no prosaísmo e no empobrecemento da linguaxe.

Autores representativos da poesía

1. Celso Emilio Ferreiro (1912-1979)

Nado en Celanova e finado en Vigo. Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:

  • Poesía intimista: Influenciada polo existencialismo, mostra un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova, interrógase sobre o sentido da vida e reflexiona sobre o irremediable fuxir do tempo. Escribiu tamén poemas amorosos para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. A obra máis representativa é O soño sulagado (1955), e a esta temática volve na súa última obra Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo e o presentimento da morte.
  • Poesía satírica: Fortemente corrosiva e crítica, lembra as cantigas de escarnio medievais ou o Quevedo máis mordaz.
  • Poesía socialrealista: Cun estilo moi accesible e coloquial, quere chegar a todo o mundo e non só a unha minoría. Trata temas como a guerra civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. No referente á emigración, nun primeiro momento defendeu a necesidade de marchar dunha Galicia e dunha Europa destruídas polas guerras, vendo América do Sur como unha terra de salvación; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, cambiou de pensamento e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir. A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas e unha das obras máis reeditadas da nosa literatura. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e el no poeta máis coñecido dentro e fóra de Galiza, dun modo paralelo ao protagonismo de autores como Blas de Otero, Salvador Espriu ou Gabriel Aresti no resto do Estado.

2. Manuel Cuña Novás (1926-1992)

Pontevedrés, representante da Escola da Tebra. A súa obra Fabulario novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras e de escuridade.

3. Uxío Novoneyra (1930-1999)

Nado no Courel e finado en Compostela. Autor de poucos libros e excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza, describe a paisaxe espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.

4. Xosé Luís Méndez Ferrín (1938)

Ourensán cuxos inicios poéticos están unidos á Escola da Tebra (Voce na néboa, 1957). Escribiu poesía social baixo o heterónimo de Heriberto Bens (formalmente máis coidada que o socialrealismo común do momento). O seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega ao achegar novos temas e unha nova linguaxe poética. Neste libro combínase a poesía revolucionaria (a pólvora) co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético (as magnolias). Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat... O ton é nostálxico: mostra con compracencia estética a imposible recuperación do tempo ido e o triunfo da decadencia. O ano 1975 trouxo o cambio trala morte de Franco, e Con pólvora e magnolias —xunto con Mesteres de Arcadio López Casanova— marcou ese rumbo novo, impulsado por un autor comprometido coa política e a protesta social.

A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores

Como consecuencia da guerra civil, a literatura galega deixa de existir como manifestación pública durante máis dun decenio. O centro da actividade literaria desprázase para Latinoamérica, onde os nosos escritores exiliados manteñen vivo o facho da cultura galega.

En 1947 comeza a recuperación coa publicación do primeiro libro de poesía ata a constitución, en 1950, da Editorial Galaxia. En coleccións como Salnés ou Illa Nova conviven xeracións diferentes que comezan publicando poesía e, pouco máis tarde, prosa. No exilio escríbense a maioría das novelas que relatan vivencias persoais da guerra e da represión, que verán a luz xa en período democrático.

Principais liñas da narrativa de posguerra

  1. Continuación da Xeración Nós: Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo ou Ricardo Carballo Calero (pertencente á Xeración do 36 e autor da primeira novela de posguerra publicada en 1951, A xente da Barreira, que narra a vida de varias xeracións dunha familia fidalga).
  2. O realismo fantástico: Representado pola obra de Álvaro Cunqueiro. Mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), grecolatina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos do mundo popular, ligando a imaxinación colectiva con temas literarios clásicos.
  3. O realismo popular: Representado por Ánxel Fole. O elemento popular ascende á categoría de culto mediante un texto vencellado ao relato oral, á xeografía luguesa e á lingua dialectal, sen a presenza de cultura libresca.
  4. O realismo social: Representado por Eduardo Blanco Amor. Obras situadas no Ourense de principios do século XX que plasman a vida das clases obreiras ou marxinais e denuncian as inxustizas sociais.
  5. O realismo rural: Representado por Xosé Neira Vilas, quen coñece de primeira man as penurias da vida labrega sen esquecer a denuncia social.
  6. A Nova Narrativa Galega: Xorde en paralelo da man dos autores máis novos (Ferrín, Mourullo, Casares), introducindo unha prosa moderna e rupturista.

Os catro grandes renovadores da prosa

I. Álvaro Cunqueiro (1911-1981)

Poeta antes da guerra e narrador de enorme éxito con posterioridade (en castelán obtivo o Premio Nadal en 1961). Destacan os seguintes trazos:

  • Mestura de realismo e fantasía: Personaxes universais (Merlín, Sinbad...) conviven con tipos populares galegos en situacións cotiás (Dona Xenebra atendendo a cociña ou a Merlín enferruxándoselle o camiño de quita e pon).
  • Predominio da oralidade: O gusto polas historias escoitadas de neno reflíctese nun estilo cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador e alusións a fontes diversas.
  • Tendencia á disgregación da novela: Substitución da estrutura clásica polo relato dentro do relato ou sucesións narrativas cun fío condutor feble.

A súa primeira obra narrativa en galego é Merlín e familia (1955), recreación da materia de Bretaña desde a perspectiva galega. Tamén escribiu volumes de semblanzas con cadros de personaxes populares de trazos marabillosos arraigados na nosa tradición.

II. Ánxel Fole (1903-1986)

Tras a guerra viviu nas montañas de Lugo (O Incio, Quiroga, O Courel) dando clases particulares. A súa obra céntrase en libros de contos como Á lus do candil (1953) e Terra Brava (1955), ambientados nesas comarcas e redactados na variedade dialectal propia da zona. Seguen a técnica da narrativa oral transmitida á luz do candil, tratando lendas de aparecidos, lobos, premonicións de morte e a Santa Compaña, combinadas con ironía e explicacións lóxicas.

III. Eduardo Blanco Amor (1897-1979)

Ambientou a súa produción narrativa no Ourense da súa infancia (baixo o nome de Auria). Sobresaen as súas dúas grandes novelas:

  • A esmorga (1959): Fito da renovación técnica pola utilización do monólogo e a perspectiva dialóxica ante un xuíz. Narra o percorrido autodestrutivo de vinte e catro horas protagonizado por tres personaxes marxinais que rematan traxicamente.
  • Xente ao lonxe (1972): Retrato social do movemento obreiro ourensán que reivindica un ensino laico fronte ao control burgués relixioso. Apóiase nunha estrutura coral e polifónica que mestura diversas voces narrativas ao redor do personaxe do neno Suso.

IV. Xosé Neira Vilas (1928-2015)

Malia incorporar certas novidades estilísticas, mantense á marxe dos postulados formais da Nova Narrativa. O seu labor estrutúrase en dous ámbitos principais:

  • Galicia interior: Representación da opresión campesiña e do atraso económico e cultural. A súa creación central é Memorias dun neno labrego (1961), a obra máis traducida e lida das letras galegas contemporáneas, onde o protagonista Balbino expresa a súa inconformidade antes de verse obrigado a emigrar.
  • Galicia emigrante: Análise das dificultades do desprazamento forzoso, o desarraigo e a loita contra a miseria urbana, reflectida en pezas como Historias de emigrantes (1968). Tamén cultivou a literatura infantil con volumes como Espantallo amigo (1971), alén do ensaio.

A Nova Narrativa Galega

Na década dos 50 xorde unha promoción de autores novos que incorporan procedementos vangardistas á narrativa galega, desempeñando un papel modernizador semellante ao acadado no seu tempo polo Grupo Nós. Non se conformaron como unha escola ríxida, pero compartían trazos formativos comúns: estudos universitarios, sensibilidade política galeguista, viaxes por Europa, amplo coñecemento das letras internacionais e a determinación de romper cos esquemas da tradición costumista.

Aínda que a súa denominación remite ao Nouveau Roman francés, asimilou múltiples influxos das vangardas europeas do século XX: a introspección e a descrición de estados de ánimo procedentes de Marcel Proust; a alienación absurda e angustiada de Franz Kafka; a exploración do monólogo interior de James Joyce; e a quebra da orde cronolóxica linear (retrospeccións, rupturas temporais) propia de William Faulkner.

Voci correlate: