A Literatura Galega no Exilio: Historia, Autores e Xéneros

Classificato in Altre lingue straniere

Scritto il in italiano con una dimensione di 4,26 KB

A Literatura Galega no Exilio

A cultura e literatura galega sufriu un parón no seu proceso de expansión provocado pola ditadura franquista. Deste xeito, os autores que permanecesteron en Galicia sufriron a represión e a liña cultural só tivo continuidade no exilio americano, grazas ós intelectuais galeguistas que seguiron desenvolvendo o seu labor a prol da cultura galega.

Revistas, Editoriais e Difusión Cultural

Neste sentido, no exilio editáronse xornais e revistas, como Vieiros ou Galicia emigrante, e creáronse editoriais que recuperaron obras dos autores do rexurdimento pero tamén deron visibilidade a unha serie de obras que nunca se poderían editar na Galicia oprimida baixo a ditadura franquista. Así mesmo, os intelectuais exiliados tamén contaron con programas de radio e, sobre todo, crearon grupos teatrais que representaron obras como Os vellos non deben de namorarse de Castelao, estreada en Bos Aires en 1941, e doutros autores como Blanco Amor.

Características Xerais da Literatura do Exilio

En xeral, a literatura galega do exilio caracterizouse pola presenza do compromiso galeguista e o predominio da temática cívico-social. Así mesmo, as obras presentan certo carácter autobiográfico, é dicir, os autores procuraron mostrar o seu contexto vital e as dificultades nas que se estaba a desenvolver a súa obra.

Principais Xéneros Literarios

A Poesía

Na poesía destacaron, entre outros, Luis Seoane, que tamén destacou pola súa faceta de pintor e debuxante, ou Lorenzo Varela.

  • Por unha banda, Luis Seoane é o autor de Fardel de exiliado, que ten como tema central a denuncia da emigración e a mitificación do pobo galego que loita pola súa liberdade, e tamén de As cicatrices, onde evoca o pasado de Galicia.
  • Por outra banda, Lorenzo Varela escribiu Catro poemas para catro gravados, que recrea figuras históricas galegas, e un libro de poemas, Lonxe, que aborda a temática da angustia do desterro e a saudade do fogar.
  • Ademais, en poesía tamén destacou Emilio Pita, que tratou o tema da Guerra Civil cun forte compromiso cívico en Jacobusland, e tamén a temática popular en Cántigas de nenos.

A Narrativa

No relativo á narrativa, o tema fundamental é a Guerra Civil: as súas vivencias (exilios, desterros...) e a saudade da patria. Nesta liña destacaron autores como:

  • Ramon de Valenzuela con obras como Era tempo de apandar
  • Silvio Santiago con O silencio redimido
  • Antón Alonso Ríos con O siñor Afranio ou como me rispei das gadoupas da morte

O Teatro

Por último, o xénero teatral desenvolveuse notablemente en dúas direccións:

  • Unha liña de teatro "popular", escrito por emigrantes, que resalta os costumes e tradicións do patrimonio cultural como medio de manter viva a cultura e o orgullo de sentirse galegos.
  • Unha liña máis culta, escrito polos exiliados, que procura ter unha función estética e incorpora novidosas técnicas dramáticas.

Representantes do Teatro no Exilio

En relación á primeira liña destacan, entre outros, Manuel Varela Buxán, autor de Taberna sen dono, e Eduardo Blanco Amor con obras como Farsa para títeres, ambientada no mundo rural e cunha temática cómica. En relación á segunda liña, teriamos obras de alta calidade teatral como Os vellos non deben de namorarse de Castelao. Ademais, neste segundo grupo encádranse a Luis Seoane, que reivindicou o galeguismo na súa obra, e Eduardo Blanco Amor, que escribiu obras elitistas como Proceso en Jacobusland.

Conclusión

Como conclusión, poderíamos sinalar que foi unha etapa moi difícil para Galicia, xa non só a nivel cultural senón en todos os ámbitos. Deste xeito, a cultura trasladouse ao exilio e é alí onde terá continuidade e onde se manterá viva ata que se volvan a dar en Galicia unhas condicións de apertura que permitan un renacer cultural e literario.

Voci correlate: