Poesía galega de posguerra: xeracións, autores e tendencias (1936-1975)

Classificato in Altre lingue straniere

Scritto il in italiano con una dimensione di 8,36 KB

Contexto cultural da posguerra en Galicia

A guerra civil (1936-1939) e a posterior ditadura franquista supuxeron unha ruptura cultural en España e en Galicia. O galeguismo sobreviviu na clandestinidade ata 1950, cando adoptou unha nova tendencia: abandonou a política combativa e centrouse na promoción da cultura galega. A literatura galega estivo prohibida ata que a editorial Galaxia iniciou en 1950 a súa recuperación.

No exilio prosegueuse o labor político e cultural a prol de Galicia e da súa identidade. Bos Aires foi, durante moitos anos, a capital intelectual e política de Galicia.

Neste contexto de posguerra podemos establecer tres xeracións ou promocións poéticas:

  • Xeración de 1936.
  • Promoción de enlace.
  • Xeración de 1950 ou das Festas Minervais.

1. Xeración de 1936

Os trazos definitorios desta xeración son os seguintes:

  1. Nados entre 1910 e 1920.
  2. Influenciados de forma directa pola Xeración NÓS e polas vangardas.
  3. Marcados polo trauma da guerra civil.
  4. Seguidores dunha ideoloxía esquerdista radical.
  5. Son a ponte entre a literatura de preguerra e as promocións máis novas.

Tendencias poéticas

  • Continúan a poesía de tradición paisaxística galega, seguindo a orientación hilozoísta ou nunha dirección máis clásica e humanista.
  • Á continuación de certas manifestacións vangardistas, como o neotrobadorismo.
  • Unha poesía angustiada, existencial e pesimista, motivada polo réxime político e social imposto pola ditadura franquista, que daría lugar ao que se denominou a «Escola da Tebra».
  • Poesía de compromiso social que encheu o panorama poético dos anos 60 e 70, con Celso Emilio Ferreiro como principal representante.

Autores destacados

Aquilino Iglesias Alvariño. O silencio que seguiu á sublevación militar de 1936 rompeuno en 1947 este poeta coa publicación de Cómaros verdes. O libro recolle poemas na liña do neotrobadorismo e con influencias do paisaxismo ruralista de Noriega Varela. A saudade, o paso do tempo e a morte son tamén temas presentes nas súas composicións. A súa formación clásica se reflicte na perfección formal dos seus versos.

Xosé María Díaz Castro. Autor dunha única obra, Nimbos. É o poeta do home como individuo e dos seus problemas transcendentais: o amor, a vida e a morte. O tema relixioso, a paisaxe e Galicia tamén constitúen o núcleo temático da súa poesía.

Álvaro Cunqueiro. Escribe en 1950 Dona do corpo delgado. Continúa na liña do neotrobadorismo de preguerra, moi apegado ao modelo medieval, e é pouco innovador.

Celso Emilio Ferreiro (1912-1979). Considerado o máximo representante da poesía social realista. A súa primeira obra é de 1954, O soño asolagado, cuxo título fai referencia á perda dos soños motivada pola ditadura e polas circunstancias da súa vida. Recrea con nostalxia o seu pasado: a terra natal, a infancia, a súa nai.

A publicación de Longa noite de pedra (1962) supuxo o grande acontecemento da poesía galega do século XX, pola influencia que tivo. O título foi interpretado como símbolo da situación de España durante a ditadura, aludindo á represión e á falta de liberdade. Nesta obra conflúen dúas liñas temáticas fundamentais: unha liña social, cívica e comunitaria de denuncia crítica, e outra lírico-intimista, na que o poeta volve a vista atrás para invocar a infancia e a mocidade, cando a opresión e as inxustizas aínda non eran coñecidas.

Despois da súa viaxe a Venezuela escribiu Viaxe ao país dos ananos (1968), con sarcasmo e ironía, denunciando a explotación a que son sometidos os venezolanos por parte dos grandes emigrantes galegos enriquecidos. En Onde o mundo se chama Celanova (1975) predominan os poemas dedicados á súa muller, Moraima, e tamén a saudade provocada pola lembranza da súa vila natal.

2. Promoción de enlace

Poetas nados entre 1920 e 1930 que acceden á cultura nos anos 40, en plena posguerra. A súa formación está marcada polo illamento cultural que sufriu España. Carecen da influencia da Xeración NÓS e das vangardas, circunstancias que provocan que a maioría sexan autodidactas.

Case todos comezan escribindo en castelán e posteriormente pásanse ao galego. Oriéntanse cara ao existencialismo, a poesía social, a poesía intimista e a relixiosa. Constitúen esta xeración:

  • Antón Tovar (1921-2004). Na súa obra predomina a temática intimista: a soidade, o paso do tempo, a morte e a preocupación relixiosa. Tamén ofrece unha visión tráxica e resignada da realidade histórica que lle tocou vivir.
  • Luz Pozo Garza (1922-). En O paxaro na boca preséntase unha poesía de carácter amoroso que se afasta do intimismo existencialista e angustiado que predomina neste período. Outra obra, Códice Calixtino, supón a súa madurez como poetisa, combinando o vitalismo e a sensualidade.
  • Manuel Cuña Novás (1926-1992). A súa obra máis destacable é Fabulario novo, que posúe características propias do imaxinismo e do neotrobadorismo. Noutras obras introduce na poesía galega un surrealismo escuro e angustiado de corte existencial. Inaugurará unha nova liña poética coñecida como «Escola da Tebra», tendencia que desenvolverán os poetas da xeración dos anos 50.

3. Xeración das Festas Minervais

Autores nados entre 1930 e 1940, reciben este nome porque todos participaron e foron premiados neste certame poético, as Festas Minervais, convocado e recuperado pola Universidade de Santiago nesta década.

Estes poetas non viviron directamente a guerra civil e criáronse nos anos posteriores á represión da posguerra. Na súa temática hai referentes externos ao mundo cultural francés e anglosaxón. Buscan novas formas de expresión como a cultura do jazz, o movemento beat, o cómic ou o rock. Tamén é a xeración que recupera a clandestinidade e a acción política de esquerdas vinculadas ao marxismo. Algúns autores desta xeración integrarán o grupo Brais Pinto, formado en 1958.

Autores destacados

Uxío Novoneyra. Os temas paisaxísticos están presentes en Os eidos. Destacamos a visión innovadora da paisaxe, máis íntima e metafísica. Aparece o home en soidade, unido á natureza e reflexionando sobre a existencia. En canto á forma da súa lírica, explota recursos como o fonosimboloxismo (reiteración de sons para evocar os sons da natureza ou as emocións que esta provoca).

Xosé Luís Méndez Ferrín. Con Voce na néboa segue a liña da Escola da Tebra: poesía en ton íntimo e angustiado, cunha temática existencialista e unha visión fatalista de Galicia. Nos anos 70 a súa poesía evoluciona cara a unha temática reivindicativa e concienciadora. O libro Con pólvora e magnolias (1976) supuxo unha revolución total da lírica galega, ao reunir a poesía política revolucionaria (a pólvora) co lirismo intimista (as magnolias). O tema principal é o compromiso social e patriótico desde unha posición claramente nacionalista, con sintaxe non convencional, riqueza léxica e abundancia de recursos literarios.

Manuel María (1929-2004). As súas primeiras obras inscríbense na temática existencial da Escola da Tebra. A poesía paisaxística, igual que en Novoneyra, será tamén unha das súas tendencias, observable en Terra Cha. Outra liña poética cultivada polo autor é o intimismo amoroso.

Bernardino Graña (1932-). O seu primeiro libro, Poema dun home que quixo vivir, encádrase na temática existencialista da Escola da Tebra. En 1966 publica A profecía do mar, que marca unha nova orientación: emprega a súa voz, dotada de forza expresiva e da riqueza léxica da fala mariñeira do Morrazo, para denunciar a destrución do mar e da terra. Outros temas son os sociais, con destaque para a preocupación ecolóxica e a denuncia da alienación do ser humano.

Voci correlate: