Poetas Galegos do Século XX: Temas, Estilos e Obras Principais
Classificato in Altre lingue straniere
Scritto il in
italiano con una dimensione di 3,15 KB
1. Celso Emilio Ferreiro
(Celanova, 1912 - Vigo, 1979). Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:
Poesía intimista
Influenciada polo existencialismo, mostra un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova, interrógase sobre o sentido da vida e reflexiona sobre o irremediable fuxir do tempo. Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo.
A obra máis representativa é O soño sulagado (1955), e a esta temática volve na súa última obra Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo e o presentimento da morte.
Poesía socialrealista
Cunha linguaxe moi asequible e coloquial, quere chegar a todo o mundo, non só a unha minoría. Trata temas como a guerra civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo.
A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas e unha das obras da nosa literatura máis reeditadas.
2. Manuel Cuña Novás
(Pontevedra, 1926 - 1992) É representante da Escola da Tebra. A súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras e de escuridade.
3. Uxío Novoneyra
(O Courel, 1930 - Compostela, 1999). Autor de poucos libros e excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza. Describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.
4. Xosé Luís Méndez Ferrín
(Ourense, 1938). Os seus inicios como poeta están unidos á Escola da Tebra (Voce na néboa, 1957). Escribiu poesía social baixo o heterónimo de Heriberto Bens, pero o seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega, aportando novos temas e nova linguaxe poética.
Neste libro combínase a poesía revolucionaria (a pólvora) co lirismo e o luxo estético (as magnolias). Coa morte de Franco, Con pólvora e magnolias, xunto con Mesteres de Arcadio López Casanova, foi quen marcou ese cambio.
5. Manuel María
(Outeiro de Rei, 1929 - 2004). Segundo a Galipedia, entre os temas dos seus poemas destacan o amor, a arte, o propio compromiso político, a denuncia de eivas, a etnografía, a física, a historia, a inmaterialidade, a mitoloxía, o mundo animal, a palabra poética, o paso do tempo, a relixión, a sociedade, a lingua, os traballos agrarios, o urbanismo ou a xeografía.
O poeta da Terra Chá é autor dunha abundante obra poética, e dedícaselle o Día das Letras Galegas de 2016.