Posguerra e construción do Estado franquista (1939-1959)
Classificato in Insegnamento
Scritto il in
italiano con una dimensione di 3,74 KB
Posguerra e construción do Estado franquista (1939-1959)
1. A ditadura de Franco
1.1. Características
A ditadura de Franco foi persoal, autoritaria e de base militar. Franco concentrou nas súas mans un poder ilimitado, do que só respondía «ante Deus e ante a historia». Os medios de comunicación do réxime exaltaron e mitificaron o carácter providencial e caudillista da súa figura. Impuxo un Estado unitario, centralista e cargado de simboloxía relixiosa.
Exerceu unha sistemática represión contra os opositores e restrinxiu as liberdades e os dereitos, como os de manifestación, opinión e reunión.
1.2. Bases ideolóxicas e sociais do réxime
O réxime apoiábase en tres institucións fundamentais e en distintos grupos sociais:
- O Exército, que foi a columna vertebral do réxime. Os seus membros gozaron de privilexios.
- A Falange, que quedou subordinada ao Caudillo polo decreto de 1937. As súas ideas foron claves para a formación do réxime, o control da sociedade e o equilibrio de poderes entre as «familias».
- A Igrexa, que se identificou co novo réxime e colaborou con el. Desta alianza naceu o nacionalcatolicismo (doutrina relixioso-política da España franquista, caracterizada pola enorme influencia política e social da Igrexa), ideoloxía oficial unificadora dos españois.
Franco contou ademais co apoio da élite social (empresarios, homes de negocios…).
1.3. As «familias» do réxime
As institucións, asociacións e corporacións que se levantaron contra a República coincidían na súa oposición ao liberalismo, á democracia e ao comunismo. Non obstante, separábaas a súa diferente concepción do Estado e da sociedade, o que as enfrontou. Todas elas formaron as chamadas «familias» do réxime. As máis importantes foron os militares e os falanxistas; os monárquicos e os católicos da Opus Dei (responsables da educación) tiveron menos peso.
1.4. A lexislación laboral nacionalsindicalista
Defendía un sindicalismo vertical que integraba empresarios e traballadores. As primeiras leis establecéronse durante a guerra. En 1938 promulgouse a Ley del Fuero del Trabajo, que sentou as bases do sindicalismo vertical. En 1940 chegaron as leis de Unidad Sindical e de Bases de la Organización Sindical Española (OSE), dando forma á organización territorial.
Caracterizouse por:
- Ser un sindicato único e controlado pola Falange.
- Obrigar á afiliación dos obreiros.
- Prohibir a folga.
- Controlar a actividade laboral (salarios, horarios…).
Girón de Velasco promulgou tamén leis de carácter social, como o seguro de enfermidade.
1.5. Control social e propaganda
O Estado franquista impuxo un control social e ideolóxico a través da educación, a censura de libros, a lei de prensa, o cinema e as actividades culturais.
A Falange desenvolveu unha actividade social, política e ideolóxica a través das súas organizacións: a Frente de Juventudes, a Sección Feminina e o Sindicato de Estudiantes Universitarios (SEU). Con elas difundiu a idea da «Nova España». Serviuse da Formación do Espírito Nacional (FEN), da Iniciación ao Hogar e da Educación Física para adoutrinar a nenos e nenas.
- A Sección Feminina encargouse das nenas e mozas, para formalas como «excelentes esposas e nais».
- A Frente de Juventudes encargouse da Formación do Espírito Nacional e da Educación Física. O seu obxectivo era inculcar nos nenos e mozos o amor á patria e exaltar os valores supremos.