Precursores da literatura galega do século XIX
Classificato in Altre lingue straniere
Scritto il in
italiano con una dimensione di 3,02 KB
Precursores da literatura galega
Alberto Camino
Alberto Camino (Ferrol, século XIX) compuxo vilancicos de Nadal e poemas de carácter romántico. Foi tamén autor de composicións folclóricas moi semellantes ás dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.
Xoán Manuel Pintos Villar
Naceu en Pontevedra no ano 1811, estudou Dereito en Compostela e exerceu a profesión na súa cidade natal. No ano 1853 escribiu unha das obras cume da literatura galega do momento: A gaita gallega tocada polo gaiteiro, ou sexa, Carta de Christus para ir deprendendo a ler, escribir e falar ben a lingua gallega (Pregón).
Como se deduce do título, a súa pretensión era didáctica. Argumentalmente trata dun gaiteiro que toma como tamborileiro a Pedro Luces, un mozo castelán, ao que lle vai ensinando pouco a pouco o idioma galego e o vai introducindo nas «cousas» de Galiza. Publicaría un pequeno dicionario galego-castelán para a correcta comprensión do seu libro, ademais de composicións soltas na imprensa do momento. Tamén foi autor de poesía, como o soneto Galicia, boi de palla.
Francisco Añón
Naceu en Outes (A Coruña), un ano despois de Pintos. Despois do acontecido no ano 1846 (a execución dos revolucionarios que acabaron sendo coñecidos como os Mártires de Carral) exiliouse a Portugal, de onde sería expulsado polo «Hymno dos povos», unha composición súa en portugués. Conseguiu traballo como secretario dun lord inglés, circunstancia que aproveitou para viaxar por Europa até que volveu a España (viviu en Andalucía e en Madrid), onde ensinou xornalismo e idiomas, aínda que mantendo sempre contacto coa súa patria.
Morreu en Madrid na máis absoluta miseria. A súa obra foi recompilada despois do seu pasamento, da que destacaría o accésit gañado nos Xogos Florais d’A Coruña no ano 1861 polo seu poema «A Galicia».
Vicente Turnes
Compostelán, Vicente Turnes é o máis vello dos chamados precursores. A pesar de quedar cego aos vinte e sete anos, desenvolveu unha intensa actividade literaria. Foi autor de vilancicos de Nadal, de poemas nos que celebraba os acontecementos domésticos dos Borbóns, diálogos satíricos con temática política… Algunhas composicións deste escritor aparecen no Álbum de la Caridad.
Nicomedes Pastor Díaz
Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, Lugo, 1811 – Madrid, 1863) estudou no seminario de Mondoñedo e cursou Dereito en Compostela (rematando a carreira en Madrid). Na capital do Reino de España acadou certo recoñecemento como poeta romántico (en lingua castelá). Na súa época compostelá compuxo dúas obras de estilo neoclásico: a Alborada (de estilo máis puramente neoclásico, onde se ve o tópico do locus amoenus) e a Égloga de Belmiro e Benigno (máis influída polo Romanticismo).